header-photo

O vello gaiteiro

Esta é unha vella historia que talvez todos coñezades, ou ao mellor non, quen sabe! Fala dunha aldea invadida por insectos e dun vello cunha gaita. Esa aldea, da que non recordo o seu nome, estaba ocupada por eses pequenos animais invertebrados, case todos con ás, molestos, repulsivos... Habíaos por todos os lados: nos prados, nos montes, nos cabazos, nas hortas ... Eran de todas as colores: verdes, azuis, encarnados... Chegaron a ser tantos que os habitantes, como non podían abrir as fiestras, case morren asfixiados. Empezaron a queixarse e acordaron reunirse para tomar algunha solución, non sabían que facer!
Un día presentouse na aldea un vello gaiteiro que escoitara e coñecía o problema. Traía o seu traxe típico e unha arcaica gaita algo esfolada. Este gaiteiro foi ao Centro Social onde estaban reunidos os veciños, pero non lle deixaron pasar. El pediu falar cun portavoz ou algún veciño, porque lle parecía ter a solución, mais contestaronlle amargamente:
- Déixanos tranquilos, non temos ganas de foliadas nin estamos para gaitas.
Mais o gaiteiro insistiu tanto que acabaron por deixalo entrar.
- Boas tardes, veciños.
- Para nós serán boas cando...
- A cidade estea liberada de insectos, non si?. Eu sei o modo. Téndesme que facer unha promesa e quedaredes libres deses animais.
- Que é o que che temos que prometer?
- Que despois de liberarvos dos insectos, me compredes unha gaita nova.
- Prometido.
O vello, sen máis demora, púxose a interpretar unha inaudita peza. Soaba unha melodía tan delicada que todos os animais molestos seguíano coma moscas a un panal de doce mel. O gaiteiro foinos guiando cara unha escola abandonada e cando se cerciorou de que xa todos entraran pechoulles a porta.
O gaiteiro, satisfeito, volveu cabo dos vecinos que xa viran como solucionara o problema e xa lle tiñan unha espléndida gaita como nunca el soñara e non so iso, senón que decidiron facerlle un monumento.
E vós, se aguzades o oído, cando pasedes por alí oiredes o zumbido incesante deses molestos bechos. Ben sei que dixen que non sabía como se chamaba a aldea , pero sospeito que é moi cerca. Atentos!
Natalia M.

0 comentarios:

Publicar un comentario

Fai o teu comentario